Abertas as inscricións: nova edición da Aceleradora do Hub Olympe Emprende

 

  • Ao longo de catro edicións, Olympe Emprende apoiou a 124 mulleres e contribuíu á creación de 11 novas cooperativas
  • Con 512 horas de acompañamento estratéxico, 128 horas de sesións de coaching e 560 horas de formación especializada, o programa foi clave para impulsar o desenvolvemento persoal e profesional das participantes.
  • Desde agora e ata o 30 de novembro están abertas as inscricións para a Aceleradora.

Dende Abeluria S. Coop. Galega, socia do proxecto Hub Olympe Emprende, chéganos a nova edición do seu programa de aceleración, unha iniciativa que impulsa proxectos liderados ou coliderados por mulleres dentro da economía social. As inscricións estarán abertas desde hoxe ata o 30 de novembro de 2025, e o programa desenvolverase entre os meses de xaneiro e xuño de 2026.

Desde a súa creación, o Hub Olympe Emprende consolidouse como un espazo de apoio e crecemento para iniciativas emprendedoras con vocación transformadora, ofrecendo ferramentas, coñecementos e acompañamento para fortalecer organizacións dentro do sector da economía social.

A Aceleradora é un programa intensivo de cinco meses para levar a túa empresa ao seguinte nivel. Está dirixido a empresas de economía social colideradas por mulleres que se estean constituíndo ou que se constituíron durante o ano 2025.

Durante os cinco meses, as participantes contarán con asesoramento personalizado, sesións de formación en directo, mentorías con expertas e referentes da Economía Social e sesións de coaching. Ademais, formarán parte da comunidade do Hub, unha rede interterritorial de proxectos e persoas con ganas de transformar a sociedade, que permitirá crear conexións e avanzar acompañadas no seu camiño.

Un balance positivo: resultados e impacto das catro edicións

Desde a súa creación, Olympe Emprende apoiou a un total de 128 mulleres. O programa, con varias edicións completadas, contou con 21 participantes na primeira edición, 19 na segunda, 24 na terceira e 64 na cuarta. Grazas a este apoio, creáronse 11 novas cooperativas. Estas cifras demostran a capacidade do programa para fomentar o emprego e a creación de negocios viables e sostibles.

Formación e apoio continuo, factores crave do éxito

Olympe Emprende caracterízase por ofrecer unha formación de calidade e un acompañamento individualizado para cada proxecto. En total, durante as tres edicións, impartíronse 512 horas de acompañamento estratéxico, 128 horas de sesións de coaching e 560 horas de formación especializada. Este investimento en educación e desenvolvemento profesional foi esencial para o éxito das participantes, permitíndolles adquirir as ferramentas necesarias para iniciar ou consolidar as súas propias iniciativas empresariais.

O Fondo Social Europeo Plus, a través da Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), na súa calidade de organismo intermedio do programa EFESO, cofinanciou este proxecto.

Contacto: galicia@hubolympeemprende.coop | 722495285 – 636792073