Dirección: Camiño de Santiago, s/n, Buxán - Fisterra
Localidade: Fisterra
Provincia: A Coruña
CP: 15155
Sitio web: http://www.auroradeloscaminos.org
Tel: 609 041 590 / 671 338 364
Fax:
Email: auroradebuxan@gmail.com


Aínda que o “nacemento” de Aurora de Buxán S. Coop. Galega, tal e como pon no rexistro oficial de cooperativas, é o día 6 de maio do 2011, o proxecto “Aurora dos Camiños” ninguén sabe con certeza onde, cando nin por quen foi concibido. Deixando á marxe a hipótese de varias xéneses espontáneas e simultáneas no interior de moitas persoas de diversas procedencias, o que si aseguramos é que a xestación e maduración desta Aurora tivo lugar ao longo de varios anos, concretamente desde o 2005, nunha aldea case abandonada de nome Foncebadón, que se atopa nunha das cotas máis altas do Monte Irago, e pola que transcorre o Camiño a Santiago e tamén o Camiño ao Finis Terrae galego.

Alí coincidimos traballando, de xeito máis ou menos voluntario, unha serie de seres que compartíamos o soño de crear un novo mundo, transformando e mellorando o xa existente.

Despois de diversas experiencias xuntos, boas e non tan boas, e de moitas charlas-debate, hoxe diriamos asembleas, xurdiron as liñas mestras do proxecto. En outubro do 2010, separámonos case todos os que alí compartiramos, pois a cesión que tiñamos no albergue no que estabamos remataba. Desexámonos un “bo camiño” e démonos un forte abrazo. Pero tres de nós decidimos ir un pouquiño máis alá, “ultreia”, e marcamos un punto no mapa do Finis Terrae, Buxán.

Ao chegar a seguinte primavera nacería, como xa dixemos, Aurora de Buxán S. Coop. Galega.

A que nos dedicamos.

Por un lado, temos o noso traballo interior que é o de poñer en práctica os principios da nosa misión. E ás veces non o facemos tan mal. E, por outro, estamos a rehabilitar un pouquiño o mosteiro de San Martiño de Ozón, xa que temos a súa cesión durante algúns anos. E como ten moita terra, tamén a estamos preparando para ter qué comer. E facemos diversa artesanía, experimentamos coas marmeladas e queixos (a ver se pronto nos saen ben,) e ofertamos algúns cursos de coñecemento compartido. Non somos mestres de nada pero sabemos algo de moitas cousas, como esgrima, ioga, meditación, guitarra, marquetería, chi kung… As variacións virán polas novas persoas que se apunten ao proxecto e polo que acheguen a el. Tamén os que marchen deixarán baleiros, pero éche o que hai… Todos levamos algo valioso para compartir e, se queremos facelo, o resultado é máxico.

 


Actividades: Actividades de albergue, albergue, peregrinos
Sector(es): Actividades culturais, de ocio e deportivas, Hostalería, restauración