Directorio /  Árbore consumo consciente S. Coop. Galega - Espazo Coop Ir a espazo.coop

Árbore consumo consciente S. Coop. Galega
Tipo: Cooperativa de Consumo
Enderezo: López Mora, 30 baixo.
Localidade: Vigo
Provincia: Pontevedra
CP: 36211
Email de contacto: info@arbore.org

Árbore é un proxecto de economía solidaria que agrupa a consumidores/as que, en réxime de socios/as cooperativistas, teñen acceso a produtos ecolóxicos, locais e de comercio xusto, é dicir, produtos obtidos preferentemente da súa contorna, libres de transxénicos e agrotóxicos, e cunha relación calidade-prezo equitativa para os/as produtores/as e a cooperativa.

Árbore é unha cooperativa de consumo pioneira en Galicia, en tanto en canto supliu unha carencia existente, sendo un proxecto que se materializou dunha forma sólida e viable cos principios e valores que representa, chegando aos 15 anos de traxectoria (en 2016).

A actividade xira en torno a tres eixes:
• A procura de bens de consumo para socios/as e terceiros/as non socios/as que cumpran os criterios de respecto ambiental, animal, social e económico (consumo consciente e responsable).

• A defensa dos dereitos económicos, sociais e culturais dos/as cidadáns, en particular, o dereito humano a unha alimentación libre, regular, adecuada e suficiente.

• A promoción e divulgación do cooperativismo e os seus valores.

 

Os principios éticos que defende son:
1. Consumo consciente. Practican o exercicio de informarse sobre o que hai detrás de cada produto que compran, porque os actos de consumo non son neutrais senón que teñen consecuencias directas sobre o medio, os animais e o modelo de sociedade e economía que queren construír.

2. Soberanía alimentaria. Defenden o dereito dos pobos a decidir as súas políticas agrícolas e alimentarias; o dereito a elixir que cultivar, que comer e como comercializar; a producir localmente respectando o territorio; defenden o acceso universal aos recursos naturais: a auga, as sementes, a terra,…

3. Agroecoloxía. Apoian a produción agrícola que conserva os recursos naturais elementais (a terra, a auga e a biodiversidade), que non emprega polo tanto produtos químicos de síntese (fertilizantes, praguicidas, antibióticos, etc.) nin organismos xeneticamente modificados (transxénicos), logrando desta forma alimentos 100% naturais.

4. Comercio xusto. Defenden un sistema que non admite a explotación infantil, que promove unhas condicións laborais axeitadas, que paga un salario digno, que defende a igualdade de xénero e que respecta o medio en toda a cadea que vai dende a produción ata a comercialización. Un comercio xusto preferentemente de proximidade, exceptuando aqueles produtos que non se elaboran no noso territorio.

Árbore é unha tenda (física e en liña), así fala dela Greta Fábregas, socia de Árbore :
“A nosa é unha tenda de barrio tradicional, autoxestionada por socios/as e traballadores/as, pero aberta ao público en xeral.

Nela ofrecemos todos os produtos de consumo básico que calquera persoa precisa no seu día a día, dende alimentos frescos e elaborados vexetarianos ata artigos de droguería e hixiene persoal, co aval suficiente de ser produtos de produción ecolóxica e comercio xusto (somos establecemento recomendado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia).

Quen se achega a Árbore compra tranquilo/a, sen a presión de ofertas e colas. Hai tempo para falar, coñecerse e resolver calquera dúbida de consumo.

A relación cos alimentos é máis directa tamén, ao estar desprovistos de calquera envase ou embalaxe innecesario.

O espazo… tanto é un lugar onde comprar, como unha biblioteca para ler ou un recuncho para o troco. E quizais o máis importante: un punto de información e encontro con outras iniciativas da economía social galegas e co cooperativismo en pleno funcionamento”.

 

Para compartir esta historia, elija cualquier plataforma