Un logro que recoñece dereitos a cooperativistas en Galicia

//Un logro que recoñece dereitos a cooperativistas en Galicia

Na Unión de Cooperativas Espazocoop como parte do noso labor de representación e defensa do cooperativismo, apoiamos e acompañamos ás cooperativas socias ante determinadas situacións. Dende este contexto, queremos facernos eco e dar a coñecer os resultados acadados recentemente por unha das nosas cooperativas asociadas, que obtivo o recoñecemento ao dereito á prestación de desemprego para unha persoa socia traballadora (cotizante no réxime especial de autónomos/as), por cese temporal de actividade.

Na casuísta que nos ocupa a Mutua, colaboradora da seguridade social para a tramitación de prestacións e dereitos das persoas enmarcadas no réxime de autónomas/os, rexeitou o dereito da persoa socia traballadora.

A entidade motivou o rexeitamento no incumprimento de requisitos non aplicables ás cooperativas (por formar parte do consello reitor da cooperativa -estando en situación de suspensión temporal da prestación de traballo- , e tamén porque a cooperativa non estaba inscrita no Rexistro Mercantil). Que é resultado dunha aplicación incorrecta dos artigos específicos para cooperativas, da normativa que regula dito dereito (Lei 32/2010 e RD 1541/2011).

A cooperativa afectada, ante a desaprobación do dereito á prestación, presentou unha reclamación, que foi acompañada por unha comunicación da Unión de Cooperativas e unha Certificación do Rexistro de Cooperativas, nas que rexeitaban os aspectos esixidos. Ao mesmo tempo desde a Subdirección Xeral de Economía Social da Xunta de Galicia fixéronse xestións coa Mutua para aclarar os dereitos e obrigas reais da cooperativa e da persoa socia traballadora.

Finalmente a Mutua comunicou á cooperativa o recoñecemento ao dereito á prestación económica de desemprego por cese de actividade para a persoa socia traballadora.

Valoramos como positivo, significativo e importante este fito, en primeiro lugar para a propia cooperativa, á que felicitamos pola súa constancia e firmeza, pero tamén para os dereitos das persoas socias traballadoras de Galicia cotizantes no RETA, polo que suporá na aplicación práctica para outras cooperativas. Ademais, dota de sentido o traballo de respaldo e apoio que se fai dende ás asociacións de cooperativas como Espazocoop e dende a administración competente en materia de cooperativismo e economía social.

 

2017-02-15T15:36:03+00:00 15/02/2017|Novas do cooperativismo|1 comentario

Un comentario

  1. Antón Insua López 17/02/2017 en 12:23- Responder

    Noraboa a todas as persoas que fixeron posible este recoñecemento. Xa se sabe do esforzo titánico que custa mover papeis entre diferentes estamentos públicos ou semipúblicos, e sobre todo mover esquemas mentais. Forza Espazocoop

Deje su comentario

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies