ESPAZOCOOP reuniuse co Presidente da Xunta de Galicia e traslada a importancia do cooperativismo na realidade socioeconómica galega

O  consello reitor mantivo un encontro o 12 de xullo co titular do goberno galego Alberto Núñez Feijóo, para presentarse como entidade de referencia do movemento cooperativo galego, que conta hoxe en día con 191 cooperativas asociadas, máis de 1.700 empregos directos (socias trababalladoras e asalariadas), con 540 socias/os de consumo, e que conta cunha facturación conxunta de máis de 45 millóns de euros.

Como axente clave do cooperativismo galego, trasladaron ao Presidente da Xunta a importancia e o peso que ten o cooperativismo na realidade socioeconómica galega como motor e dinamizador de emprego e riqueza tamén en épocas de crise. O consello de Espazocoop tamén aproveitou a ocasión para dar a coñecer as inquedanzas e os retos que temos como sector, tanto en ámbitos de creación de novas cooperativas como de consolidación e crecemento das existentes.

Na reunión, o presidente da Xunta reiterou o compromiso do Goberno por apoiar e fortalecer o sector cooperativo e da economía social a través de axudas e da simplificación de trámites.  Neste sentido o goberno ultima a Lei de implantación empresarial que incluirá a posibilidade de que se poidan constituír cooperativas a partir de só dúas persoas socias, unha tendencia que xa é posible noutras comunidades autónomas do estado.  Ademais, abordará unha reforma do rexistro de cooperativas para simplificar e facilitar a súa constitución e todos os trámites rexistrais posteriores, a través de medios telemáticos.

Almorzo con entidades representativas da Economía Social Galega

Antes desta cita co Presidente da Xunta, o consello de Espazo Coop convocou un Almorzo de traballo ás 9.30 h.  en Santiago con entidades representativas da Economía Social Galega coa finalidade de coñecerse mellor, dialogar, e crear lazos que permitan colaborar no futuro.

No Almorzo participou Juan Antonio Pedreño (Presidente da Confederación Española de Empresas de Economía Social -CEPES-, Coceta e Social Economy Europe), para compartir a súa visión sobre as tendencias da economía social a nivel europeo e estatal, e como o sector pode converterse no instrumento político das diferentes administracións públicas no desenvolvemento socioeconómico.

Para esta ocasión estiveron invitadas as seguintes persoas e entidades representativas da economía social galega:

  • José Severino Montes, Presidente de AGACA, Asociación Galega de Cooperativas Agrarias.
  • Eduardo Salido Blanco, Presidente de AESGAL, Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia.
  • Antonio Hernández Fernández, presidente de EAPN-Galicia. Rede galega de loita contra a pobreza.
  • Iker Sertucha, presidente de CERMI Galicia, Comité español de persoas con discapacidade.
  • José Antonio Vázquez Freire, presidente de CEGASAL,  Asociación galega de Centros Especiais de Emprego.
  • Miguel Fernández Blanco, presidente de AEIGA , Asociación de Empresas de Inserción de Galicia.