“Nas cooperativas de traballo europeas hai maior igualdade de xénero que no resto das empresas”

As cooperativas españolas, francesas e italianas presentaron os resultados do proxecto europeo sobre a situación das mulleres nas PEMES

A Confederación Española de Cooperativas de Trabajo Asociado (COCETA) presentou en Bruselas, xunto a organizacións de Francia e Italia, un seminario sobre a situación laboral e social á que se enfrentan as mulleres no mundo empresarial, específicamente nas PEMES.

Unha das principais conclusións é que nas cooperativas de traballo de Francia, Italia e España existe unha maior igualdade de xénero que no resto das empresas mercantís“. Esta afirmación quedou clara logo de observar os resultados da enquisa realizada no marco Proxecto Europeo “Mulleres Activas nas PEMES”

Nestes tres países solicitáronse a opinión de 133 mulleres, así como entrevistas en profundidade, e chegouse a conclusión de que a muller ten, nas cooperativas de traballo, unha mellor calidade laboral, que incide na súa vida persoal e familiar. O perfil feminino tipo nunha cooperativa de traballo destes tres países, é o dunha muller que traballa no sector dos servizos, con estudos universitarios, duns 41 anos, casada ou vivindo en parella, e con dous fillos.

As enquisadas responderon en xeral, nos tres países, que teñen “bastante” conciliada a vida persoal e a profesional. Ademais, practicamente o total das entrevistadas considera que na súa empresa cooperativa existe igual salario por igual traballo, que hai igualdade de oportunidades de formación e que elas poden chegar e chegan a postos de responsabilidade. De feito, máis dun 50% das participantes chegaron a postos directivos en empresas cooperativas nas que existe unha maior presenza de homes.

“En contra do que se di, en cooperativas demostramos que unha muller nun posto directivo pode perfectamente ter fillos, e conciliar a vida laboral e familiar”, explicou nas conclusións Paloma Arroyo, directora de COCETA. “Viuse nas respostas de mulleres que traballaran previamente en empresas mercantís, e que se vían moito máis realizadas traballando en cooperativas”.

Entre as boas prácticas de xénero expostas contouse coa intervención de Purificación Alfonso, da cooperativa de traballo asociado ARDORA e presidenta da organización territorial de cooperativas de traballo UGACOTA e membro tamén de COCETA. Alfonso explicou a súa vivencia na formación de pescadores, un sector basicamente masculino nos barcos e feminino na procura de moluscos en praia. “Cando fixemos os cursos notábase unha gran diferenza entre homes e mulleres”, explicou. “As mulleres tiñan fame de saber, de mellorar; e os homes eran ao principio algo máis reticentes. A primeira vez a situación adoitaba ser de resistencia, pero cando vían que a información que lles dabamos era útil, caian as barreiras. O que sucedía era que nós tiñamos que demostrar o que sabiamos, eles non”.

Para Alfonso é moi importante a formación para a muller, sobre todo pola confianza que xera. “O máis importante non foi xa a formación técnica senón a confianza xerada nas persoas. Temos que superar as propias limitacións que nos impomos. Ás veces non somos capaces de imaxinarnos neses postos”.

Máis información sobre o proxecto en: www.mujeresactivas.net