Durante os próximos días 11, 12 e 13 de maio, terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Químicas da Universidade de Compostela o VII Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil, que contará coa participación de cerca de 70 escolares de educación secundaria e o último ciclo de primaria, pertencentes a 7 centros de ensino de Galicia e doutras comunidades.

 

 

 

Colexio Alborada (Claimo S. Coop. Galega ) | Vigo – Pontevedra

Institut el Cairat | Esparreguera – Barcelona

IES David Buján | Cambre – A Coruña

IES Ortigueira | Ortigueira – A Coruña

Colexio Santiago Apóstol S. Coop. Galega | Soutomaior – A Coruña

Colexio Possumus S. Coop. Galega | Vigo – Pontevedra

Colexio San José | Villafranca de los Barros – Badaxoz

O acto de inauguración terá lugar o xoves día 11, ás 16:00 horas, e será a cargo da Decana da Facultade de Química, Pilar Bermejo Barrera, xunto con Celso Gándara Carnero, Presidente de Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas.

A clausura será o venres as 18:00 horas, a cargo de Alfonso Fernández Rodríguez, Presidente do Colexio Possumus S. Coop. Galega e Vicepresidente de Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas.

Este foro nace pola iniciativa dos propios centros de ensino, entre os que se atopan cooperativas de ensino, co fin de promover a investigación entre o alumnado, empregando a aula, o laboratorio, o entorno e os medios materiais axeitados para adquirir as competencias básicas fundamentais e motivalas e motivalos no estudo práctico das ciencias experimentais, humanísticas, lingüísticas, etc., ademais de divulgar esta experiencia á comunidade escolar para que se sumen a estas actividades.

Este ano, baixo o lema “ Por unha divulgación comprometida coa investigación xuvenil en equipo”, quéreselle dar continuidade a unha actividade xa iniciada no ano 2010, e que con esta sétima edición, constatamos está sendo un éxito de aceptación e de resultados, por parte tanto do alumnado como do profesorado participante.

Metodoloxía de traballo do Programa :

Ao longo do curso escolar trabállase en equipos de alumnas e alumnos baixo a dirección do profesorado dos centros que dirixen e acompañan ós equipos. Neste Foro presentan os traballos realizados, con actitude crítica e opinións encontradas ao redor da investigación científica, expoñen e transmiten todo o proceso de traballo realizado, a organización, distribución, xestión, elaboración de relatorios, convivencia, e as problemáticas atopadas no mesmo. Traballan solidariamente nos equipos con compromiso e practicando a cooperación interna, fomentando este tipo de relacións e de traballo.

Este VII Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil, persegue :

  • Promover o intercambio de experiencias científicas de distintos centros de ensino dentro e fora da comunidade autónoma.
  • Potenciar o traballo de investigación en grupo, observando as regras básicas e fundamentais de actitude, compromiso e cooperación entre os membros dos equipos.
  • Conseguir unhas xornadas de convivencia entre alumnado de distintas comunidades e provincias, intercambiando as opinións, vivencias e experiencias de traballos similares, pero con diferentes ópticas.
  • Tamén se trata de integrar este tipo de actividades no proceso curricular dos centros de ensino ou aos currículos de actividades complementarias.
  • Expoñer o tipo de traballo que desenvolven as cooperativas de ensino (Colexio Alborada – promotor da actividade dende o seu inicio – , Colexio Possumus, e Colexio Santiago Apóstol),
  • Divulgar este tipo de actividades cooperativas dentro da nosa comunidade.

O Foro está baixo a organización técnica de Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas, que é unha entidade asociativa de carácter empresarial, multisectorial, sen ánimo de lucro, e de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, entre outras por cooperativas de ensino, e conta na súa organización coa Sectorial de Cooperativas de Ensino, integrada por centros cooperativos da nosa comunidade, sendo o Colexio Alborada (Claimo S. Coop. Galega) de Vigo o centro promotor do Foro en Galicia.

Este Foro conta coa colaboración da Fundación Pedro Barrié de la Maza, e a colaboración da Facultade de Químicas da Universidade de Santiago de Compostela.

A asistencia a este Foro é gratuíto e de libre acceso , se algún centro de ensino quere levar ao alumnado soamente teñen que confirmar asistencia no teléfono 986.866.149 ou no correo electrónico tere@espazo.coop.

Díptico aquí – Cartel aquí