A fin de semana do 30 e 31 de xaneiro a Asociación O Peto celebra que levan 10 anos funcionando.

Por este motivo convidan a participar nas distintas actividades que teñen programadas.

O venres 30 de xaneiro teñen unha charla de Arcadi Oliveres (“Outras crises e outras formas de saír delas”) ás 20:30 h.

O sábado 31 de xaneiro comezarán coa Asemblea da asociación ás 17 horas.
Contarán coa presenza de Peru Sasia, de FIARE, que quere celebrar coa Asociación estes dez anos.
– Despois poderase ver o documental sobre Arcadi Oliveres “Nunca é tan escuro” ás 19 horas.
– Varios proxectos apoiados polo Peto durante estes dez anos estarán para coñecelos, e ver como lles vai…
– E a partir das 21 horas unha gran festa con música en directo, algo para picar, tempo para falar…

Todas as actividades terán lugar no Colexio La Salle de Santiago (entrando polo patio).

Animádevos a ir, ben a todo ou ben nalgúns momentos. Á Asociación O Peto gustaríalle contar coa vosa presenza e que lle deades a maior difusión posible.

Celebran dez anos de proxecto!! . Fai clic: Cartel

 

Que é AIS “O Peto”?
AIS “O Peto” é unha asociación sen ánimo de lucro que alenta e propón unha economía ao servizo da persoa. Que se encadra no entramado da economía alternativa e concretamente no nível micro, local, da banca ética. É autoxestionaria e promove unha forma solidaria de aforro e de inversión ética a través de microcréditos a proxectos diversos. Xa que toda decisión económica é, no último termo, unha decisión ética.