A Deputación da Coruña, no marco do Plan de Emprego Local 2016- 2019, vén de convocar a seguinte liña de axuda:

  • LIÑA PEL EMPRENDE ACTIVIDADES : Axudas para o apoio á realización de actividades e/ou actuacións no desenvolvemento da iniciativa empresarial.

Trátase de axudas para a realización de novos proxectos nos que se subvencionarán actividades e/ou actuacións de consultoría, titorización, formación e/ou mentorización relacionadas coa mellora ou implantación de medidas de responsabilidade social empresarial, mercadotecnia e comunicación, e expansión de mercados. Medidas destinadas principalmente a implantar na organización cambios e/ou ideas innovadoras que supoñan unha clara diversificación da actividade da empresa e incidan positivamente na modificación e mellora do posicionamento da empresa e na eficacia dos procedementos internos da organización.

Nesta liña subvencionaranse os gastos relativos a colaboracións externas para asistencia técnica, gastos externos de auditoría, consultoría, titorización, mentorización, formación e actividades ou actuacións relacionadas con melloras nos seguintes ámbitos:

  • Responsabilidade social empresarial
  • Marketing e comunicación
  • Competitividade e expansión

As entidades poderán presentar con carácter xeral un orzamento mínimo de gasto de 2.500 € e máximo de 6.000 € (excluído IVE), do cal poderán solicitar, como máximo o 80% polo que o importe máximo da subvención para conceder con carácter xeral é de 4.800 € (excluído IVE), podéndose ampliar ata 5.520 euros no caso de colectivos desfavorecidos ou situados nalgún concello que conte cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

As actividades para desenvolver ao amparo desta convocatoria, deberán ser realizadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2018.

As bases reguladoras desta liña pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia nº 55 de 21.03.2018 ou premendo na seguinte ligazón : aquí

As solicitudes presentaranse de xeito telemático, a través da páxina web da Deputación da Coruña, www.dacoruna.gal , pechando o prazo de presentación ás 14.00 horas do 26 de abril de 2018.