Un ano máis, a Secretaría Xeral de Emprego promove a participación da Economía Social de Galicia na Feira das Industrias Culturais CULTURGAL, que terá lugar, na súa X Edición, os días 1, 2 e 3 de decembro de 2017 no Pazo de Cultura de Pontevedra.
Para facilitar a presenza da economía social neste evento, a Secretaría invita as cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, empresas de inserción e outras entidades que forman parte deste colectivo, a que participen a través do stand conxunto que poñen á súa disposición. Nel terán a posibilidade de expoñer os seus produtos ou servizos, celebrar reunións de traballo e, como non, acadar alianzas e colaboracións cos outros co-expositores.
A participación no stand é compartida e libre de custos para as entidades, correndo só ao seu cargo os materiais propios para a exposición e o persoal de atención.
As entidades que desexen participar deben comunicar o seu interese no enderezo electrónico da Subdirección Xeral de Economía Social: economiasocial.emprego@xunta.gal