O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de publicar as bases reguladoras das axudas aos servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Empresa dixital e Industria 4.0 para a súa realización en empresas galegas (programa Re-accionaTIC), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

De acordo coa resolución publicada, o próximo 31 de outubro, e durante un mes, estará aberta a primeira convocatoria de servicios do programa Reacciona TIC, que irá seguida de sucesivas convocatorias en decembro de este ano e en xaneiro e marzo de 2017 co obxectivo de facilitar máis de 400 servizos orientados á modernización e innovación coa finalidade de incrementar a competitividade e a produtividade.

As solicitudes presentaranse de forma telemática na web do Igape. Os servizos seranlles facilitados ás pemes beneficiarias a custos reducidos por axentes colaboradores especializados.

Empresa dixital

No ámbito da empresa dixital, a convocatoria facilitará a prestación de servizos avanzados orientados a promover a dixitalización empresarial, comezando pola diagnose do grao de modernización tecnolóxica e a identificación das oportunidades de mellora que permitan incrementar a competitividade da empresa.

Industria 4.0

Para o impulso da Industria 4.0, e no marco do desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, o catálogo contempla servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución.

Para ler as bases completas da convocatoria prema aquí.